|
O subsolo de toda a comarca da Fonsagrada é particularmente rico en mineral de ferro e son numerosas as prospeccións mineiras realizadas nesta zona oriental da provincial de Lugo, encaixadas dentro da franxa aurífera do noroeste peninsular. Explotada polos habitantes dos castros, coñecedores das artes metalúrxicas, non deixaron de selo tampouco polos romanos, nin durante o medievo, ata que a principios de século se pechou a última delas. Pero, se algo caracteriza a montaña lucense é a persistencia dunha rica arquitectura popular, vehiculo idóneo para coñecer tradicións, usos e manifestacións populares. Nesta comarca de altos cumios e amplos vales aínda atopamos as pallozas, vivendas características das zonas de montaña cunha economía gandeira, complementadas en moitos casos cun cuarto para os apeiros de labranza e un hórreo: formado por dous corpos, no exterior sécase e consérvase o millo e no interior os produtos da matanza, ademais de queixos, manteiga ou mel. Os piares ou pegallos sostéñense sobre un forte muro que serve de corral, onde se gardan os apeiros de labranza de maior tamaño e as paredes son de taboleiros verticais, reforzados nas esquinas con respiradoiros que poden ser pequenos buratos, como acontece na parroquia de Ouviaño. O tellado adoita ser de lousa a catro augas, con aleiros pronunciados, rematado por un pináculo de pedra labrada.
|